"Soidade", fotografía tomada no porto de Sóller, Mallorca, o 11-12-23. Mostra un barco de pesca solitario seguido por un grupo de gaivotas, nun plano cenital, pequeno sobre a inmensidade do océano.
"Petróglifo do Monte Pedroso", fotografía tomada en Compostela o 14-1-22. Mostra o petróglifo tomado dende arriba, entre a vexetación mesta do monte galego, descuberto por un raio de sol da tarde.
"Planos", fotografía tomada en Belém, Lisboa, o 2-6-23. Mostra unha perspectiva xeométrica dun paso de peóns en altura.
"Fervenza", fotografía tomada nos Canóns do Sil o 4-12-21. Mostra unha pequena fervenza natural que serpea entre os troncos húmidos e o musgo até chegar a unha pequena lagoa.
"Perspectiva", fotografía tomada en Lisboa, o 2-6-23. Mostra a bifurcación entre as rúas Nova do Carvalho (coñecida como Pink Street polo seu pavimento rosado) e S. Paulo, cunha perspectiva de dous puntos de fuga. A Rúa de S. Paulo, á dereita, reflicte os raios dourados do solpor sobre o chan húmido.
"Ponte", fotografía tomada en Pontevedra o 20-9-21. Mostra un dos piares da ponte colgante dos Tirantes, en Pontevedra, sobre un ceo azul intenso, cunha pequena nube.
"Froita", fotografía tomada o 29-1-22. Mostra unha pola chea de tomates peruanos maduros, baixo a luz dourada do solpor.
"Faro", fotografía tomada no porto de Sóller, Mallorca, o 11-12-23. Fotografía do Faro do porto de Sóller, tomada a moita distancia dende o extremo oposto da baía coa luz tenue do solpor. É un faro baixo, en raias azuis e brancas, cun pequeno edificio branco en ruínas ao carón. Vese unha parte do cabo onde está situado, mais pola esquerda albíscase o horizonte no mar aberto.
"Espazo Negativo", fotografía tomada na Coruña o 19-2-23. Mostra un plano moi contrapicado do anaco de ceo que se pode albiscar no espazo negativo que debuxa un edificio da Avenida de Linares Rivas na Coruña.
"Natureza viva", fotografía tomada o 29-1-22. Bodegón formado por unha grande mata de xeranio sobre un caldeiro de metal ancho e baixo, outro caldeiro máis alto e estreito, un cinseiro de metal, varias pedras e unha xerra branca con motivos florais, enriba da tapa dun pozo de formigón.
"Ascender", fotografía tomada no santuario do Bom Jesus do Monte, Braga, o 13-10-23. É un contrapicado dende o piso inferior das famosas escaleiras que ascenden ao templo, que se ve de fronte na parte superior.
"Metrópole", fotografía tomada en Belém, Lisboa, o 2-6-23. En primeiro plano, un fragmento do monumento Padrão dos Descobrimentos, de Belém, no que se representa a diversos personaxes históricos portugueses relacionados coa colonización de América na Era dos Descubrimentos. Nun horizonte moi baixo, en segundo plano, o paquebote (ou paquete) Príncipe Perfeito suca as augas do río Teixo.
"Reflexo", fotografía tomada no Museu Arqueológico do Carmo, Lisboa, o 1-6-23. Mostra, de costas, ás vitrinas onde descansan as momias Chancay pertencentes ao museo, mentres que unha turista, situada entre as dúas, as observa. O contraste entre as mozas momificadas e a muller turista é evidente.
"Xigantes", fotografía dos estaleiros de Viana do Castelo tomada o 13-10-22. Os estaleiros móstranse a contraluz, en silueta, contra o solpor.
"Timor Leste", fotografía tomada no Museu do Oriente, Lisboa, o 1-6-23. Mostra un belak de ouro datado en 1930, un adobio tradicional que simboliza á lúa e a feminidade propio da cultura do Timor Leste, con luz dura sobre fondo escuro.
"Coll de la Creueta", fotografía tomada no Cap Formentor, Mallorca, o 6-12-23. É unha paisaxe que mostra a xeografía irregular do extremo Leste mallorquí, concretamente o cabo Formentor, cos seus cantís escarpados e mato baixo.
"Demos", fotografía tomada no Museu do Oriente, Lisboa, o 1-6-23. Mostra unhas máscaras de oni (ou demos) do teatro xaponés, nunha exposición temporal sobre os rituais nipóns. Son tres máscaras vermellas de cabelo lacio e roxo e sorrisos arrepiantes, con luz dura dende abaixo sobre fondo escuro.
"Millo", fotografía tomada durante o rodaxe de O Trinxidoiro en Penelas, o 4-3-23. Mostra un cesto e varias caixas, a maior delas ten espigas de millo agardando a ser esfollado, cunha luz ténue e cálida.
"O Canalla", fotografía tomada no bar homónimo en Sada o 11-3-23. Mostra un andel con botellas e copas vintage, alumadas de maneira ténue por unha barra de luz, adobiadas cunha rede. Ten un desenforque artístico, que apenas deixa albiscar as botellas máis achegadas.
"Refracción", fotografía tomada na praia do Esteiro, Boiro, o 13-5-22. É un plano picado tomado dende o propio mar, cun horizonte alto no que destacan unhas rochas con mexillóns a pouca distancia, e mais o seu reflexo na auga por debaixo. A refracción fai un efecto moi interesante sobre os grans de area do fondo mariño e sobre o reflexo das rochas.
"Pantasmas", fotografía tomada no cemiterio de Cancelo, Portugal, o 2-9-23. Mostra a fiestra dun sepulcro e no seu inteiror podemos ver a tea pálida que cobre un cadaleito ao fondo e mais unhas flores brancas na fronte. Hai moitos pétalos, pó e cascallos no chan. A xanela reflicte a silueta do cemiterio e a atmosfera é pálida e pouco saturada.
"Pedras", fotografía tomada na praia fósil de Montedor, Portugal, o 2-9-23. Mostra en primeiro plano unha man de home, forte e curtida, con algunha rabuñada na pel, que sostén unha pedra perfectamente redonda. A pedra ten dúas marcas redondas imitan ao seu perímetro. Ao fondo, unha textura rochosa e no chán, cubrindo a penas o tercio inferior da imaxe, máis pedras redondeadas polo efecto das augas.
"Peixes", fotografía tomada no Aquamuseu do Minho, Vilanova de Cerveira, o 1-9-23. Unha vista dun acuario de ribeira, que mostra un banco de sargos do río Miño con algas no fondo. Un dos peixes está máis alumado e vira a súa ollada á cámara.
"Xogo de cores", fotografía tomada na Sé de Mallorca o 9-12-23. Mostra un dos órganos da Sé de Mallorca alumado soamente pola luz colorida que atravesa as vidreiras azuis, vermellas, verdes e amarelas do seu rosetón.
"Contraste", fotografía tomada en Trafaria, Portugal, o 2-6-23. Mostra en primeiro plano un solar utilizado pola veciñanza como aparcamento e como tendedeiro de roupa, con algunha vexetación seca e mais un pequeno piñeiro. De fondo, os silos da terminal portuaria de Silopor, unha mole industrial que coroa a paisaxe do pobo de Trafaria.
"Vespa", fotografía tomada no cemiterio de Cancelo, Portugal, o 2-9-23. Mostra a través do cristal da xanela dun sepulcro unhas flores brancas artificias, sobre as que pasean unhas vespas. Mentres dunha dela vemos o perfil, a outra mira á cámara sen vergoña.
"Moza", fotografía tomada en Vila Praia de Âncora, Caminha, Portugal, o 4-4-23. Un plano picado da paisaxe costeira da praia da vila. A certa distancia, a silueta dunha rapaza en vaqueiros que olla con nostalxia o horizonte, cos zapatos na man, cun escorzo máis propio dunha estátua clásica grega.
"Xeometría", fotografía tomada en Vila Praia de Âncora, Caminha, Portugal, o 4-4-23. Mostra un balcón dun edificio de Vila Praia de Âncora, con estética de vila costeira e marcada xeometría hexagonal. A porta do balcón está pechada con persiana e a varanda é de cristal sen bordos. No tercio superior da imaxe pódese ver o ceo azul a contrastar coa pintura amarela inmaculada da parede do edificio. As sombras que xera o balcón son igualmente rectas e xeométricas.